segunda-feira, 23 de junho de 2008

Na noite de San Xoán no Fubolín a "Sardiña molla o pan"

Chega a noite máxica de San Xoán, a noite mais curta do ano e na que saímos a celebrar e expresar a nosa devoción participando nalgunha sardiñada e facendo as lumeiradas ou cacharelas de San Xoan.
Como todo-los anos no bar Fubolín cando chega a noite de San Xoán, argalla unha das festas mais esperadas polos seus clientes e amigos tal e como podedes ver no cartel, obra de Garabana, co que anuncia a troula desta noite a partires das 21 horas coa música de Saavedra.
Para todos aqueles que fagan unha lumeirada ou cacharela, lémbrolles as verbas que deben decir o salvar as mesmas, xa que serven para purificar e botar os meigallos fora aparte de casar as mulleres que as salten sin tocar o lume veces impares. As verbas que coñezo son: "salto por enriba do lume de San Xoán, para que non me trabe nin cadela nin can" ou esta outra "Deus te dou, Deus te criou, Deus che saque este meigallo se alguén cho botou. Antes que o mal sexa visto, naceu Cristo, morra este mal e viva Cristo", e por último cando se achega a hora de bota-la borralla e as cinzas de cara o río e acaben no mar non esquezan decir: "Demo maldito vaite de aí. Aí vai a borralla de San Xoán atrás de tí. Deus te leve ó mar onde non cantou a galiña nin o galo, pois o que cantou levouno o diaño".
¡Que o pasedes ben!.


sábado, 14 de junho de 2008

Festa no río a base de "Costrada de Pontedeume"

O pasado domingo 8 de xuño celebrouse a festa de benvida da tempada estival do Bar Fubolín de tódolos anos.
A do ano pasado foi espectacular tal e como desde aquí xa dixemos, polo que se poñía o listón moi alto pra este ano.
Tal e como anunciou Xulio e Rosa propietarios do Fubolín, o prato estrela deste ano ía ser a "Costrada de Pontedeume", un prato exquisito e que vos recomendo que provedes se non o fixéstedes aínda. Neste caso tratábase dunha "Costrada de Carne", din que a mellor é a de vieiras con rodaballo, un prato típico de Pontedeume no que se funden unha multitude de sabores e texturas ao estar composto de varias capas separadas entre si, co que cando a comes sentes esa explosión de sabor que che fai gozar do que estas saboreando, sabor que se fai máis patente e intenso cando a gozas fría.


As "Costradas" fíxoas a confitería "Obradoiro de Pontedeume", unha confitería que a fai desde fai moito tempo seguindo a tradición familiar.
Pero tras estas fotografías houbo tamén outras moitas sorpresas e actividades que tentarei recoller nesta montaxe de fotografías para goce e disfrute de tódolos que tivemos a sorte de ir.



Tras todo isto dicir que se puxo o listón aínda máis alto pras próximas festas do Fubolín aínda que coñecendo a Xulio e a Rosa saberán como superarse ano tras ano.


quinta-feira, 5 de junho de 2008

Festa do "lisco e polo" en Centroña


Este venres 6 de xuño a partires das oito e media do serán, haberá en Centroña festa do "Lisco e polo" con viño, café e postre, todo elo amenizado ata altas horas de madrugada pola Orquestra Ría de Betanzos.
Durante a noite haberá sorteo de agasallos.
¡Que o pasedes ben!.