quinta-feira, 14 de maio de 2009

Vídeos da TVG na Romaría de Breamo

Cando xa pasaron 6 días da Romaría de Breamo e a resaca xa parece ter pasado, podemos dicir que outro ano máis Breamo foi un éxito.
Dese éxito todos somos partícipes, uns en organización e preparación entre os que poderiamos citar ao Concello (limpeza camiño e lugar da Romaría ou campañas en favor da limpeza) ou outros por non dicir os que máis, todos os que participamos da devandita festa integrándonos nesta, chegando a contabilizar os organizadores máis de 3.000 persoas no reducido espazo da Capela de Breamo.
Dende este e outro blog tal e como é S.O.S. Pontedeume ¡denuncia!, tamén se quixo apoiar e contribuír co noso pequeno esforzo, por ese motivo se mandou información xunto co cartel da festa a un blog pertencente a La Opinión de Coruña como é Festa a Festa, un blog que vos recomiento e vos emprazo a visitar para estar puntualmente informados de calquera festa da nosa comunidade e que sacou este artigo sobre a Romaría de Breamo.
Para finalizar a entrada de hoxe, dicir que hai moitas fotografías da festa así como algún que outro vídeo, pero hoxe quero centrarme en difundir os vídeos que fixo a TVG en Breamo e que foron emitidos ese mesmo día dentro do seu programa A Revista.
En primeiro lugar móstrovos un vídeo que recolle os preparativos dunha das moitas cuadrillas que ocuparon e gozaron da festa dende primeira hora do día.

agalega.info - Videos das noticias dos informativos da TVG

E o segundo vídeo que recolle unha mostra da devoción dunha familia eumesa que todos coñecemos e do porqué das voltas á Capela de Breamo, aínda que a dúbida non queda resolta de se son 3, 7 ou 9 as voltas que hai que dar, iso si o único que non ten discusión é que teñen que ser en silencio.

agalega.info - Videos das noticias dos informativos da TVG

Para ver os vídeos a pantalla completa, facede dobre click sobre estes.

quinta-feira, 7 de maio de 2009

Todo preparado para subir a Breamo

Cando faltan pouco máis de 24 horas, podemos dicir que todo se encontra preparado para subir a Breamo.
Como todos sabemos o venres día 8 de maio celébrase a Romaría de Breamo, unha romaría moi concorrida en honor a San Miguel, polo que toda preparación é pouca con tal de garantir a festa na que se dá a benvida por parte dos eumeses ao verán.


Por parte do concello xa se acondicionaron os camiños e campo da festa


todas ou case todas as cuadrillas xa teñen reservado o seu lugar de localización e avituallamento para aguantar a festa de todo o día



no campo que rodea á capela xa se encontran todos os chiringos que darán colorido e ambiente a esta


polo que dende este blog soamente nos queda desexarvos que pasedes unha boa xornada romeira e recordarvos o lema do concello do ano pasado "En Breamo xoga limpo"


vémonos arriba ao son do coñecido " Solo te pido, solo te pido que me dejes tres días al año, San Miguel, Breamo y el río ....."

quinta-feira, 30 de abril de 2009

1º de Maio en Pontedeume


O Concello de Pontedeume celebra mañá, 1 de maio, o certame dos mayos, que son estruturas compostas por varas, mirtos, flores e laranxas bravas ou ben maquetas de distintos motivos locais (o castelo ou a torre grande) cubertas de follas e flores.

As obras son portadas a ombros por catro nenos, que antigamente os levaban de casa en casa e cantaban se se lles ofrecía algo a cambio. Na actualidade celébrase un concurso, premiándose diferentes aspectos como o tamaño ou a orixinalidade. Os requisitos para participar son ser menor de 16 anos e acompañar o maio dunha canción ou poesía "inédita". O prazo de inscrición finaliza mañá, 1 de maio, quince minutos antes de dar comezo á actividade. A concentración dos mayos celebrarase nos xardíns de Lombardero ás 17.30 horas e posteriormente os mayos participantes percorrerán o pobo ata chegar á alameda de Raxoi.

A organización premiará as catro obras mellores con 175 euros para a que resulte gañadora; 150 para a segunda; 125 levarase a terceira e o cuarto mellor maio conseguirá 100 euros. Tamén se destinarán 600 euros para premios de participación.